jueves 29 de octubre de 2009

O paracaidista


En termos de organización política, un paracaidista era aquela persoa capaz de constituir unha asemblea sen máis medios que o deixarse caer nunha localidade. Ela soa, sen atencións nen colaboracións, comezaba a falar coa xente, a expoñer as súas ideas e a seducir consciencias. Nen sequera se podía considerar unha guerrilla; tratábase dunha soa persoa a súa sorte como se a organización a deixara caer dende un avión coa misión de construir tecido militante. Unha tarefa ardua e lenta que a maioría das veces fracasaba. A esquerda padeceu este drama e, en boa medida, creceu así na clandestinidade. Qué tristeza non poder contar con compañeiros/as!!! A parte de temararia e seductora, a persoa paracaidista, debía posuír a cualidade innata da xenerosidade e do recoñecemento do colaborador. Primeiro porque a súa convicción no proxecto era moito máis estábel e madura; segundo porque o paso realizado por cada membro novo da asemblea era unha mostra de valentía e compromiso.

En toda esta historia (que posúe importantes doses de romanticismo) unha cousa está clara; o paracaidismo non semella un xeito nin eficiente, nin eficaz, nin operativo para desenvolver ningún proxecto de vida e mesmo, en termos bélicos, este tipo de accións son desesperadas e responden a unha última opción. Por exemplo, en paracaídas déixanse caer os paquetes de axuda humanitaria en territorios en conflicto cando non existe outra posibilidade.

Nunca comprendín a fachenda ficticia que rodea a determinadas profesións vinculadas, en esencia, coa creatividade, a artesanía ou a imaxinación. Semella como se a esquizofrenia e a egolatría, coma curmáns lonxanas, actuaran como condimento enaxenador do contexto no que se (sobre)vive. Quero dicir, cando un se enrola nunha tarefa profesional absolutamente fascinante e enriquecedora, dende a posición de protagonista e non se acredita na importancia do equipo, da colaboración e da cooperación (en troques da competición), entón está de antemán condenado ao estrepitoso fracaso. A cobiza histriónica actúa como detonante negativa.

Ademais, a tensión que se xenera neste tipo de carreiras sen límite provoca situacións grotescas de sobre-explotación. De feito, determinadas profesións de sona que hoxe ocupan páxinas nos magazines dos xornais e obteñen premios internacionais non serían comprensibeis sen esa situación abafante de desigualdade (refírome mesmo en termos laborais). Dende o meu punto de vista, nestas aventuras non existe correlación entre a visión externa destas profesións e a situación que acontece portas adentro. Non resulta nada meritorio ofrecer unha imaxe educada e amábel para a esfera pública e logo ser un canalla na habitación conxugal ou cos teus subordinados no obradoiro. A lucidez do artesán radica na xenerosidade de ensinar e recoñecer os esforzos do aprendiz. É o único camiño para consagrarse coma mestre no imaxinario do(s) discípulo(s).

As profesións técnicas vencelladas dalgún xeito á arte como, entre outras, a arquitectura, a xestión cultural e, ultimamente a cociña, están sometidas a presións constantes. Sucede algo similar no endogámico e servil mundo da Universidade e da academia. A competencia é brutal porque só chegan uns poucos ao recoñecemento público (que a simple vista semella o obxectivo fundamental). Porén, non é descoñecido que o arquitecto, o xestor e o cociñeiro –chef- (nestas alturas) non serían o que son socialmente sen contar con verdadeiros exércitos de colaboradores. Atentos aprendices que absorven as ensinanzas con ilusión, esforzo e traballo.

Ao final, o que se a pon a discusión con estas reflexións son as estructuras piramidais e verticais que converten aos colaboradores en vasalos sometidos á constante chantaxe do sistema de competición, alimentado polo escenario simulado das tendencias culturais postmodernas e pola reticente e desconfiada presenza do artesán. A individualización, como concepto perverso, levada ao extremo do ámbito empresarial e profesional.

Ninguén discute aquí que para ser un referente en calquera eido da vida son necesarios de modo combinado traballo, esforzo e talento. A creatividade e a imaxinación constitúen o resultado da fricción das tres anteriores cualidades. Porén, existen mundos máis alá da porta dos nosos despachos e, por suposto, dende o esbozo nun pano até o edificio construído cómpre a colaboración e a aportación dun importante equipo…tanto ou máis que a propia idea. Reparemos senón cantas ideas, propostas e suxerencias fabulosas fican no tinteiro por non existir un equipo de traballo que as desenvolva? O risco de pensar que o mérito dun éxito deste tipo é individual e non colectivo conduce á inacción, ao ostracismo e á indiferencia social.

Tampouco é discutida a patente das ideas nin a autoría da creación. Non é un problema de apropiación indebida, porque cada eslabón da cadea coñece as súas funcións e, polo tanto, as súas atribucións e sería un suicidio para o colaborador pretender extralimitarse no seu papel. Entón, tampouco collen sentimentos de envexa nin descofianza, e moito menos por parte daqueles que ocupan un posto máis alto no escalafón. O heroísmo non é unha condición autodefiníbel nin autoatribuíbel, non se escolle senón que se adquire por concerto social.

Moitos tivemos, nalgún momento e por algún motivo, a mala sorte de ter que iniciar proxectos de modo individual, como paracaidistas (porque non había outro modo de arrancar). A cada tropezo, a cada fracaso sempre botas man dun compañeiro, dunha persoa que asuma o teu traballo como propio…e crédeme que é moi satisfactorio ver como o teu soño é encarnado por outra persoa. Ese constitúe o éxito fundamental máis alá do recoñecemento e a crítica. Cando logras engrasar unha banda -un equipo- e comezan a facer aportacións autónomas ou a actuar con independencia pero xa cuns criterios consolodidados. Iso é ter equipo e ter éxito.

Todos somos aprendices perpetuos e artesáns brillantes ao tempo. O éxito do paracaidista reside no coleitivo. Que ninguén se esqueza.

lunes 26 de octubre de 2009

os meus amigos nos fogóns!!!


Escribo esta entrada para lembrarme de tres amigos que por unhas cousas ou por outras manteñen unha intensa relación cos fogóns. Ademais, hai bastante tempo que non os vexo por diversos motivos: exilio laboral, axendas antitéticas ou por tunante.
O primeiro é Alén Tarrío, xefe de partida de primeiros do Restaurante Ferrero. Deben estar a realizar un fabuloso traballo baixo a batuta, dirección e a autoría de Paco Morales, porque en El Viajero (magazine de El País) deste pasado sábado, o importante crítico gastronómico José Carlos Capel lles adicaba este artigo. A valoración é dun 8 global. Así que felicidades para Alén, polo seu esforzo destes meses, como colaborador desta importante e prestixiosa cociña. A seguir con ánimo!!!

O noso segundo chef, é Paco Manrique (que ten peito de coiro de cacique...ou tiña hai anos). Na súa axetreada vida de socorrista/activista/sindicalista, atopou tempo este ano para adicarse profesionalmente aos preves e ás elaboración culinarias. Faino no Garum de Compostela, situado na praza das Penas nº 1 (en Sam Roque, frente ao colexio La Salle). Podedes consultar os menús que elabora no seu blogue. O mellor de todo: gastronomía de altura a prezos populares!!! Eu aínda non puiden achegarme, pero pronto caerá. Paco, parabéns pola iniciativa porque non é doado ofrecer ese tipo de cociña con recursos limitados.
Finalmente, unha lembranza para outro habitante "amateur" dos fogóns e as parrillas. Aqueles de vós que frecuentades as tabernas do país, decataríadesvos da ausencia sen xustificar de
Manuel Roxelio Fernández. Este chaval, que en tempos tiña un futuro asegurado como empresario do pulpo e do cordeiro á brasa na zona de Lavacolla (tamén lle pega algo á cabra ao estilo de Cornes), desapareceu do mapa todo un mes coma os señoritos para ampliar as súas investigacións culinarias no Ecuador!!! A lástima é que pronto estará de regreso....boa noticia para os bares e mala para os nosos fígados.

En fin, até aquí a crónica que quería elaborar para estes tres compañeiros de batallas!
Para os demais, os habituais bicos.

jueves 22 de octubre de 2009

Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia

Son incontabeis os conflictos que hoxe asolan ao Planeta coa súa furia depredadora. Escoller un entre tantos faise unha frivolidade. Fronte á barbarie imperante cómpre que a Sociedade Civil asuma a súa responsabilidade e resposte con cntundenca ás agresións recibidas por parte dos poderosos do sistema e os vencedores da Historia.

O Seminario Galego de Educación parar a Paz, (apoiado por numerosas organizacións) realiza un acto este domingo 25 de outubro ás 12:30 horas no Teatro Principal de Compostela con motivo da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia.

http://www.sgep.org/modules/contidos/pdf/INVITACION.pdf

No acto pacifista participaremos un grupo de persoas implicadas coa motivación do evento.

PROGRAMA

* Presentación
Begoña Fontenla (TVG)

* Entrega da gaita galega que percorrerá o mundo coa Marcha
Mundial pola Paz e a Non Violencia
Actuación de:
Pepe Ferreirós (Milladoiro)

* Intervencións institucionais

* Lectura do Manifesto de Compostela pola Paz Mundial e a Xustiza
Manuel Dios Diz (Seminario Galego de Educación para a Paz)

* Intervencións poéticas:
Luis González Tosar
Marilar Aleixandre
Concha Rousia
Iolanda Aldrei

* Contacontos:
Anxo Moure (Bicis pola Paz)

* Intervencións Musicais:
Pepe Costenla
Xoán Curiel
No title (Loli e Leo)
Emilio Rúa

* Clausura:
Pepe Ferreirós: Himno Galego

Bicos e apertas sentidas para todos!!

martes 13 de octubre de 2009

este sábado no toural en compostela festa polo galego!!!!!



...e o domingo á manifestación que organiza a Plataforma Queremos Galego a prol da nosa língua, de poder expresámonos no noso idioma, de exercer os nosos dereitos...

Fronte ás agresións que estamos a sofrir cómpre encetar unha grande contraofensiva. Así que este sábado na praza do Toural en Compostela estarei tocando xunto a outros músicos e artistas do país. A celebración comezará ás 18:00 horas e durará até que o corpo aguante. Entre moitos outros estarán o Leo i Arremecághona, o Roberto Sobrado e, se cadra, o Miro Casabella.

Anímovos a participar e a non ficar na casa!!!!

Bicos

lunes 5 de octubre de 2009

Para pechar outubro....


O 24 de outubro estaremos tocando en Narón no Café Indalo. A actuación, a falta de acordar algúns flecos, forma parte do Circuito XpressionK (que está patrocinado por Estrella Galicia) e comezará sobre as 22:30h.

Seguirei acompañado como na foto por Antón Bello (comodoro e baixista) e Rafa Gradín (contramaestre e percusionista). O noso barco de apenas 28 pés voltará á comarca de ferrolterra a desgranar o noso habitual repertorio.

Apertas e bicos.

martes 15 de septiembre de 2009

novos concertos...



Pois o verán chega ao seu fin e comezamos o curso coa intención de retomar o pulso aos escenarios do país. Para o mes de outubro aparecen na axenda dous concertos (polo de agora) á espera de pechar outras citas para o que queda de ano(A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra):




Venres 2 de outubro, Fundación Artábria, Ferrol.


Xoves 15 de outubro, AC O Galo, Compostela.




(Falta por ultimar as horas de comezo)




Pouco máis vos conto, simplemente que estarei acompañado de Pablo Laranjo (baixo) e Rafa Gradín (percusión). A intención é introducir uns teclados máis adiante se as condicións técnicas e orzamentarias o posibilitan.




Haberá novidades no repertorio porque teño ganas de facer versións distintas e orixinais e recuperar algúns dos meus temas con sonoridades distintas.




En fin...moitos bicos a todas!!!




PD: a foto é deste verán nunha praza en Cambados a altas horas da madrugada...

lunes 3 de agosto de 2009

a polo Ghit!!!


Sen pretensións maiores que as de apresentar algunha canción, participo no A polo Ghit! deste verán 2009 co tema Nemo_2 (letra Avilés de Taramancos).

Di o texto introductorio:

"O mar foi de sempre un universo común de Galiza como pobo e como país atlántico. Ademais do misterio que agocha, mantivo tamén unha relación intensa coa ápoca estival, tamén polo de relaxante e acolledor.

Esta canción convida a contemplar unha posta de sol dende calquera cantil da nosa costa coa compaña das reflexións que a inmensidade mariña suscita. E para iso, que mellor que un poema do grande Avilés de Taramancos que sempre mantivo una relación moi estreita co mar? Velaquí un texto musicado do seu poemario As Torres no Ar (1989) dentro da serie “Nemo”, titulada así en referencia ao capitán de imaxinario anarquista creado por Julio Verne en Vingt Milles Lieues sous les mers.

Velaquí un tema para degustar co son atemperado das ondas no verán e os grolos de beberaxes antigos chegados das profundidades do universo mariño."

Estaría ben que pasarades por alí a votar o tema por iso de non quedar a cero!!! jajajaja...

http://www.vieiros.com/especiais/apologhit09/index.php?c=ficha&id=75775

Só tedes que rexistravos (creo)...e de paso escoitar aos outros 60 participantes en apologhit.vieiros.com

Polo demais, desfrutade do verán e apertas!!!!