martes 2 de marzo de 2010

Sobre os concertos de marzo...


Pequeno cuestionario que me fixo o xornalista Lois A. Trabazo.


Volves ao escenario neste 2010 desta volta en formato pequeno acompañado unicamente pola guitarra…


Así é. Despois de case tres meses sen tocar en directo e tras comprobar que este ano Xacobeo 2010 ía ser máis do mesmo, ou se cadra pior, en relación a contratacións decidín lanzarme a regresar a onde comecei neste oficio que son os pequenos garitos e cafés de Compostela. Se cadra precisaba retomar o contacto en primeira persoa co esforzo e coa disciplina que supón preparar uns cantos temas para interpretar cada semana e recuperar certas sensacións no tocante á relación íntima co público máis próximo.


Qué imos poder escoitar nestes concertos?


Estes concertos responden a dúas motivacións principais. Por unha banda, queríame reatopar coas miñas referencias en directo. O propósito é recuperar historias alleas coas que crecín como cantautor e facelas propias colectivamente. Para iso preparei unha serie de temas dos principais músicos e autores que teñen marcado o meu xeito de comprender a canción autor. Non faltarán temas de Aute, Silvio, Sabina, Serrat, Paco Ibáñez ou Milanés que son os máis grandes. Por outra, e coaligando co anterior, estes concertos pretenden ser unha reivindicación dos circuítos culturais alternativos. Pretendo facer honra da tradición dos cafés e salas de Compostela que teñen perdido aquel dinamismo de trovadores e titiriteiros que tiñan hai unha década e tamén reclamar a vixencia dos pequenos espazos para a canción de autor. Se cadra é moito máis necesario recuperar estes costumes en pleno Xacobeo; se as administracións non ofrecen unha programación digna para o nivel de atención e a calidade do público compostelano, ésta terá que ser suplida polos pequenos circuítos culturais que hai que recuperar.


Qué podemos esperar deles?


Intentaremos que haxa un pouco de todo: risos, momentos máis tranquilos, animación, bailes. O esencial é que exista improvisación. En todo isto ten un papel importantisimo o público que será o encargado de interactuar coas cancións escollidas. Ademais, haberá a posibilidade de participar activamente a través do “micro aberto”. Aqueles que o desexen poderán interpretar algún tema en directo.


Por qué no Rhythim&Blues?


Porque o seu responsable, Alberto, amosou unha grande convicción e unha determinación por dar acobillo a esta iniciativa. Dende que se fixeron cargo deste local os novos donos, falamos deste asunto, de dinamizar as noites compostelanas e de recuperar aqueles tempos nos que mesmo existía competencia entre os garitos e cada noite había algún concerto na cidade histórica. Así que pouco a pouco a proposta foi madurando e agora vimos a posibilidade de probar a ver cómo responde a xente.


Finalmente, qué mais podes engadir para animar ao público a asistir a estes concertos?


Realmente, convido de corazón a todas as persoas que gosten da canción de autor e que queiran pasar un bo rato as noites dos mércores, agora que a chegada da primavera é inminente.
Porén, vou enviar unha mensaxe moi concisa a miña xeración; aqueles que temos nacido entre o 1979 e o 1980 e que entramos recentemente na década dos 30. Estes concertos pretenden ser un recoñecemento e unha homenaxe a un xeito de vida e a un modo de comprender a amizade. Agora que as responsabilidades cotiás nos impiden vernos tanto como quixeramos, que xa non frecuentamos os peores garitos ás peores horas, agora que nos levantamos por sistema ás 7 de mañá medio cabreados para “facer” de oficinistas, pois precisamente agora é o momento de facermos unha reivindicación coleitiva por recuperar -aínda que sexa por un instante- aqueles tempos que nos fixeron como somos e lembrar que seguimos estando vivos. Por moitos anos...