
Pasou moito tempo dende a última vez que publiquei unha entrada no blog. Supoño que niso consiste a vida, en "tecer e destecer" activando e desactivando impulsos. Nestes meses a verdade é que collín pouco a guitarra (excepto nas festas de gardar), pero si que tiven pausa e tino para rematar de lle dar forma e contido a un puñado de cancións.
Así que como acto de disciplina revolucionaria e lúcida, trato agora de retomar o camiño das sensacións musicadas. E para comezar a función, quero convidarvos a un primeiro concerto en Compostela. Dalgún xeito é unha nova iniciación. Tras confirmar a data e o lugar, sinto cóxegas no baixo fondo e ténsanseme as cordas vocais. Así que afronto este compromiso coa ilusión do primeiro concerto e defenderei estes temas novos coa humildade de quen ensina partes da súa intimidade emocional. Espero non defraudar a ninguén.
A cita será o próximo xoves 14 de abril ás 22:30 horas no Bar La Radio (san fiz de solovio, 6) en Compostela.
Agardo contar con todos vós, os grandes amigos de sempre, e tentaremos sumar almas nesta remozada aventura. Tratando de sumar noites de corazón agredido e voces quebradas áos nosos currículos. Total...como diría Moncho Ramos: quen quere vivir para sempre?

0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada