jueves 23 de junio de 2011

II flotilla da Liberdade


Irmáns e irmás! . Vémonos na obriga de vos enviar esta mensaxe-petición.

Como saberedes, 5 activistas, galegos e galegas, sairon onte mesmo do aeroporto de Baraxas cara a Grecia, para se embarcar na II Flotilla da Liberdade. Entre eles vai o noso compañeiro da Rolda de Rebeldía Antón Gómez-Reino, Tone, tamén membro de "fuga em rede" e do consello editorial de Altermundo, así como Fernando Blanco Arce, Alejandro Andares, Xesús Ramón Boán e Elvira Souto. A súa saída ao mar é inminente, malia que non coñecemos aínda datos exactos por causa das medidas de seguridade que a Flotilla, formada por uns 1.000 activistas de todo o mundo, ten que ter. A maioría deles irán embarcados no Guernika, barco do Estado español. O obxectivo: sortear o bloqueo da franxa de Gaza e descargar unhas 10.000 toneladas de axuda humanitaria (materiais de construción, educativos, etc.), así como denunciar novamente o que non fai falta nin explicar.

Non está de máis lembrar, se nos retrotraemos aos 9 activistas asasinados na primeira flotilla, que esta misión internacionalista é moi arriscada, mais profundamente xusta e comprometida. Israel xa advertiu que actuará con contundencia e mesmo disque ten preparadas as cadeas para meter os e as activistas. Tamén advertiu aos diplomáticos estranxeiros “que se ateñan ás consecuencias”. Pola súa parte, o Estado español, como a meirande parte desa “comunidade internacional” que por acción ou omisión leva décadas permitindo o apartheid en Palestina, desenténdese do que lles poida acontecer a estas persoas tan valentes. A ministra de Asuntos Exteriores, Trinidad Jiménez, dixo que o mellor xeito de axudar a Gaza é con presión diplomática en lugar de flotillas. "Desaconséllase encarecidamente embarcar en calquera buque da Iniciativa rumbo a Gaza polo grave perigo que pode entrañar para os participantes en dita flotilla", sostén unha advertencia colocada no sitio web da súa carteira. Non son quen de protexer ás persoas que, ademais, ampara a lexislación internacional?

Fronte o absoluto fracaso da “comunidade internacional” para resolver o conflito palestino-israelí, cómpre a organización da sociedade civil, que é o que estamos a ver aquí. Xa que logo, pedímovos a vosa colaboración en tres eidos:


  1. Mantede informada á xente e viva a chama acesa polos nosos e polas nosas activistas. Podemos facer dende terra parte do que eles tratan de facer por mar. Teredes cumprida información, que incluirá as crónicas que o Tone, se se dan as circunstancias, poida enviar, na web de Altermundo: http://www.altermundo.org/category/movementos/frotinha/
  2. Solicitámosvos que, na medida das vosas posibilidades, enviedes mensaxes de apoio ou a ser posíbel artigos a manoel@altermundo.org para facer públicos e teimar na información e concienciación diaria.
  3. A maior parte dos e das activistas galegos e galegas que van cara a Gaza pagan do seu peto o seu convencimento, que tamén é o noso. Se tedes ocasión, podedes achegar axuda económica na seguinte conta da campaña BDS-Galiza: Entidade Triodos Bank. Número de conta: 1491 0001 26 2008108413
  4. O Encontro Irmandiño esixe a responsabilidade do presidnete da Xunta de Galiza na garantía do benestar físico das activistas galegas, que amparadas pola lexislación internacional fan unha acción de axuda humanitaria e de denúncia dunha situación de inxustiza histórica.

Sen máis, recibide unha fonda aperta irmanidiña