domingo 17 de julio de 2011

Homenaxe ás Marías

Hoxe, 18 de xullo, celebraremos unha homenaxe popular na honra das dúas irmás Fandiño -Maruxa e Coralia- que durante anos sembraron de cor as rúas compostelanas. As cores que enfundaban os seus corpos eran símbolo da dignidade antagónica das penurias e das vexacións que sofreron após o golpe do Estado do 1936, por pertenceren a unha familia moi vinculada ao movemento anarquista e republicano.

O acto leva por título: "Flores de mil cores para As Marías".

Emporiso, o Ateneo de Compostela e a Asociación Cultural O Galo, organizan esta homenaxe na que se dará lectura a poemas e textos que rememoren a súa figura. Nin a data nin a hora son escollidas por azar. Ás dúas en punto saían a dar os seus longos paseos por aquela Compostela escura. O 18 de xullo as súas vidas de costureira foron truncadas polo fraticidio, a imnomia e a violación.

Convídovos a pasar, logo, polo paseo central da alameda de Compostela -lugar onde fican atempóreas- para celebrar que seguimos vivos, que a loita continua e que aínda estamos a tempo de falar e de lembrar, para que a súa historia non se esqueza.

Unha aperta

Participaremos entre outros: Bernardino Grana, Encarna Otero, Salvador García-Bodaño e eu mesmo.